CRTVG

Buscar

Alemaña volve superar os mil mortos con covid-19 en 24 horas

Publicado o 20/01/2021 11:51
Alemaña volve superar os mil mortos con covid-19 en 24 horas

Alemaña volveu superar os mil mortos con ou por covid-19 nas últimas 24 horas, mentres que a cifra de novos contaxios ascendeu a 15.974, segundo datos do Instituto Robert Koch (RKI) de viroloxía actualizados a pasada medianoite.

O número de positivos desde que se deu a coñecer o primeiro contaxio no país suma 2.068.002 e o de mortos, 48.770, con 1.148 nun día.

O máximo de contaxios rexistrouse o 18 de decembro con 33.777 novas infeccións, e o de mortos, o pasado xoves, con 1.244 en 24 horas.

Arredor de 1.741.800 persoas constan como curadas e a cifra de casos activos sitúase nuns 277.700, segundo estimacións do RKI.

"Tras un forte aumento de casos a principios de decembro, un retroceso durante os días festivos e un novo aumento na primeira semana de xaneiro, as cifras caen agora lixeiramente na maioría de estados federados (aínda que non en todos)", sinala o RKI no seu informe diario.

No conxunto de Alemaña, a incidencia acumulada no últimos sete días sitúase en 123,5 casos por cada 100.000 habitantes e as novas infeccións sumaron na última semana 102.704.

Entre estados federados, as diferenzas son enormes: Turinxia rexistra a incidencia acumulada en sete días máis elevada de todo o país, con 237,7 novos contaxios por cada 100.000 habitantes, seguido de Brandeburgo, con 208,8, e Saxonia-Anhalt, con 204,8, mentres que Bremen, con 78,5, é o de menor incidencia.

O pico de incidencia rexistrouse o pasado 22 de decembro, con 197,6 novas infeccións por cada 100.000 habitantes nunha semana.

O número de pacientes con covid-19 nas unidades de coidados intensivos ascendía o martes a 4.947 -56 menos nun día-, dos cales 2.862 -o 58 % e 7 menos respecto ao luns-, necesitan respiración asistida, segundo datos da Asociación Interdisciplinar Alemá de Coidados Intensivos e Medicina de Urxencia (DIVI).

Nun día rexistráronse 773 novos ingresos de pacientes con covid-19 na UCI e 829 saíron de coidados intensivos, dos cales o 30 % corresponde a falecementos, precisa o RKI no seu informe diario.

O factor de reprodución (R) que toma en consideración as infeccións nun intervalo de sete días sitúase no conxunto de Alemaña en 0,87, o que implica que cada cen infectados contaxian de media a outras 87 persoas.

Desde o 26 de decembro, o número de persoas que xa recibiron a primeira dose da vacina contra a covid-19 en Alemaña ascende a 1.195.429, o que corresponde ao 1,4 % da poboación, mentres que 24.741 persoas xa foron vacinados por segunda vez.

A chanceler alemá, Angela Merkel, e os xefes de Goberno dos Länder acordaron o martes prorrogar ata o 14 de febreiro as actuais restricións á vida pública, incluída a suspensión das clases presenciais, ante o temor á propagación de novas mutacións do coronavirus.