CRTVG

Buscar

Alemaña vive unha xornada electoral histórica que porá fin á "era Merkel"

Publicado o 26/09/2021 08:36
Alemaña vive unha xornada electoral histórica que porá fin á "era Merkel"

Os colexios electorais da Alemaña abriron ás 6:00 horas deste domingo para acoller uns comicios xerais que trazarán a fin da "era de Angela Merkel", tras dezaseis anos no poder. Máis de 60 millóns de persoas con dereito a voto están convocados ás urnas, que permanecerán abertas ata o 16:00 horas.

As últimas sondaxes dábanlle unha leve vantaxe (entre un e dous puntos) ao Partido Socialdemócrata (SPD) do vicechanceler e ministro de Finanzas Olaf Scholz, fronte ao aspirante conservador e correlixionario de Merkel, Armin Laschet. Resultado incerto, por tanto, tras unha campaña marcada polos cambios de tendencia nas sondaxes.

En marzo, as enquisas colocaban os Verdes, liderados por Annalena Baerbock, na primeira posición en intención de voto. De aí pasou a remontar posicións o bloque conservador, tras a designación como candidato do centrista Laschet, mentres que Scholz parecía condenado á terceira posición.

A situación cambiou de súpeto a prol do partido socialdemócrata, entre finais de agosto e principios de setembro. Empezaron a disparárse os prognósticos a favor de Scholz como favorito sólido, con ata cinco puntos por riba de Laschet. Na recta final estreitáronse as distancias, o que unido á fragmentación do voto, apunta a un futuro goberno tripartito, sexa quen sexa a persoa que o lidere.

A porcentaxe media que se lle dá ao Partido Socialdemócrata  (SPD) é dun 25 %, fronte ao 22 % do bloque conservador integrado pola Unión Cristianodemócrata e a súa irmandada Unión Socialcristiá (CDU/CSU) de Baviera.

Aos Verdes sitúanos no terceiro posto, cun 16 %, mentres que ao Partido Liberal (FDP) e á ultradereitista Alternativa para Alemaña (AfD) prognostícaselles un 11 %. Pecha o grupo de partidos por riba do 5 %, mínimo para obter escanos, A Esquerda, cun 6 %.

Posible demora

A Comisión Electoral dixo que os resultados finais poderían demorarse, dada a alta porcentaxe de voto por correo, que pode situarse nun novo récord histórico. En 2017, as xerais anteriores, un 28,6 % das papeletas emitíronse por esta vía. O índice de participación situouse nun 76,2 %.

Este domingo tamén se celebran comicios rexionais na cidade-estado de Berlín e no land de Mecklenburgo-Antepomerania, no nordés, ambos os dous de dominio socialdemócrata.

Na capital alemá convocouse ademais unha consulta popular sobre expropiacións de grandes inmobiliarias, impulsada por unha iniciativa cidadá para tratar de frear o prezo da vivenda.