CRTVG

Buscar

Alemaña vacina por adiantado unha muller de 101 anos dun xeriátrico

Publicado o 26/12/2020 18:53
Alemaña vacina por adiantado unha muller de 101 anos dun xeriátrico

Unha muller de 101 anos que vive nunha residencia de anciáns convértese na primeira cidadá alemá en recibir a vacina contra a covid-19. E faino un día antes de que comece oficialmente a campaña de vacinación en Alemaña. 

Edith Kwoizalla, residente nun asilo situado no leste do país, recibiu a súa primeira dose da vacina desenvolvida pola farmacéutica alemá BioNTech e o seu socio estadounidense Pfizer. 

Seguíronlle outros 40 residentes e dez empregados dese fogar de anciáns do land de Saxonia Anhalt, segundo informaron as autoridades rexionais.

O Goberno alemán agarda distribuír antes de que remate o ano 1,3 millóns de doses entre os 16 estados federados.

Tras a fase de arranque, que terá lugar directamente nas residencias de anciáns, seguirase coa vacinación nos centros distribuídos para eses efectos en todo o país. Espérase chegar a administrar unhas 700.000 doses semanais a partir de xaneiro.