CRTVG

Buscar

Italia supera os 1.000 casos de coronavirus nun día por primeira vez desde maio

Publicado o 22/08/2020 09:27
Italia supera os 1.000 casos de coronavirus nun día por primeira vez desde maio

Italia rexistra 1.071 novos contaxios de Covid nas últimas 24 horas, unha cifra que medra incesante desde hai semanas. Os expertos temen unha deterioración da situación epidemiolóxica. Notifica tres falecementos no último día e hai 924 persoas hospitalizadas, delas 64 nas UCI. Desde o comezo da pandemia son 35.430 os falecidos. Agora preocupa o incremento de casos na Lazio, onde está a capital Roma cun forte incremento de contaxios, 215 fronte a 137 do venres.

Alemaña rexistra máis de 2.000 contaxios de covid-19 en 24 horas, a maior repunta desde abril

Alemaña notifica nas últimas 24 horas 2.034 novos contaxios no país, a maior repunta de casos de coronavirus desde o 25 de abril, cando houbo 2.055. Incrementa o temor das autoridades sanitarias do país ante a aparición de gromos xeneralizados. Ademais, faleceron outras 7 persoas nas últimas 24 horas, o que aumenta a 9.267 o número de mortes no país desde o comezo da pandemia. A covid-19 alcanzou o seu apoxeo en Alemaña nos primeiros días de abril, con máis de 6.000 contaxios diarios, pero a tendencia á baixa rachou nas últimas semanas. Preocupa unha segunda vaga de casos, pero igual ca noutros países o número de probas incrementouse de xeito significativo nas últimas semanas, o que podería explicar este crecemento.

 

O aumento de positivos está a suceder tamén no Reino Unido, que supera o milleiro de casos en 24 horas por segunda xornada consecutiva. A pandemia de coronavirus supera este sábado os 22,9 millóns de infectados e roza os 800.000 mortos.