CRTVG

Buscar

Alemaña prolonga ata o 7 de marzo o peche da vida pública

Publicado o 10/02/2021 20:11
Alemaña prolonga ata o 7 de marzo o peche da vida pública

Alemaña prolongará o peche da vida pública ata o 7 de marzo, segundo acordaron hoxe a chanceler Angela Merkel e os líderes rexionais, aínda que se prevé un regreso gradual xa desde principios dese mes da actividade escolar presencial.

A prórroga é unha solución consenso entre o propósito de Merkel de manter as restricións ata o 14 de marzo e o de varios estados federados de reabrir escolas e garderías o primeiro de marzo, como tamén poderán facer os salóns de peiteado. "Os esforzos dos cidadáns por lograr un descenso dos contaxios deron os seus froitos, o que lles agradezo desde aquí", indicou Merkel, nunha comparecencia tras a reunión.

A detección de casos en Alemaña da variante británica "que é máis agresiva", recalcou a chanceler, obriga a manter alto o nivel de restricións. A incidencia acumulada en sete días no conxunto do país baixara este mércores a 68 contaxios por 100.000 habitantes. O nivel máximo de incidencia semanal rexistrouse o 22 de decembro, con 197,6 novas infeccións.

O obxectivo de Merkel é situalo por baixo de 50 positivos semanais por 100.000 habitantes, nivel que considera necesario para poder volver rastrexar todas as cadeas de contaxios. "Só podemos facer un seguimento dos contaxios e como se produciron se logramos un descenso continuado dos novos casos", engadiu. Para iso é preciso, segundo Merkel, tanto manter as restricións vixentes na actividade comercial e pública como nos contactos persoais.

Desde principios de novembro está pechada en Alemaña a restauración, o lecer e a vida cultural; a ese peche sumouse en decembro o do comercio non esencial e a actividade escolar regular. Cúmprense así 100 días desde o inicio dese peche, que se manterá pese ao descenso observado nas últimas semanas dos contaxios e ante o temor á propagación das novas mutacións da covid. A parada da vida pública expúxose inicialmente ata principios de xaneiro; pero os sucesivos picos de contaxios e vítimas mortais entre finais de 2020 e entrada en 2021 derivaron en sucesivas prórrogas.

A nova prolongación das medidas prodúcese tras case tres semanas de descenso consolidado de contaxios. Ademais de conter os novos contagios, os esforzos das autoridades alemás céntranse agora en acelerar a vacinación tras o decepcionante arranque da campaña. Ata o de agora recibiron a primeira dose da vacina 2,344 millóns de persoas -un 2,8 % da poboación-; e 1,02 millóns de cidadáns -un 1,2 %- inxectóuselles xa a segunda dose. 

Noticias web

10/02/2021