CRTVG

Buscar

Alemaña implanta tests gratuítos aos viaxeiros que regresan do estranxeiro

Publicado o 01/08/2020 10:17

Alemaña ofrece desde este sábado test gratuítos aos viaxeiros que regresan do estranxeiro. Con todo, as probas serán obrigatorias dende o vindeiro luns para quen procede de rexións de risco.

Na maioría dos aeroportos internacionais do país xa se estableceron os equipos necesarios para proceder cos tests, mentres que no resto agárdase que xa estean en marcha a próxima semana. A idea é que os viaxeiros que procedan de rexións de risco se sometan de inmediato no aeroporto ás probas, como alternativa á corentena domiciliaria, dado que o seu cumprimento se revelou difícil de comprobar.

Entre as zonas de risco atópanse desde onte tres rexións españolas: Cataluña, Navarra e Aragón. Tamén está nesa lista Luxemburgo, único país da UE que xa estaba incluído na listaxe do Robert  Koch Institut. Outros países que se inclúen son: Turquía, os Estados Unidos, practicamente toda América Latina e amplas zonas de África e Asia.