CRTVG

Buscar

Alcoa esixe un marco enerxético competitivo para traspasar a planta de Cervo

Publicado o 26/09/2021 21:09

Alcoa esíxelle ao Goberno un marco enerxético competitivo para avanzar no traspaso da planta de aluminio primario de San Cibrao, situada no concello de Cervo. 

Nun comunicado emitido este domingo, a compañía "lamenta que, malia os seus mellores esforzos para presentar unha proposta que axude a resolver a situación" da factoría, "non se estea a tratar o tema clave, que é a enerxía competitiva".

Segundo explica, a proposta inicial "prevía a continuidade das operacións" ata o 31 de xullo de 2022 para dar tempo a topar unha solución" ao problema da enerxía. Entón, Alcoa procedería ao traspaso.

Porén, insiste en que "non é viable polo marco enerxético pouco competitivo en España", que a obriga, de acordo coa nota, a pagar un prezo medio anual de 95 euros por MWh, "máis do triplo do que paga a compañía en calquera outra planta do mundo".

Neste sentido, asegura que se o Goberno pode garantir un marco competitivo "Alcoa está disposta a progresar inmediatamente na transferencia".

Resposta do comité

O presidente do comité de empresa de Alcoa Xosé Antonio Zan estima que o marco enerxético non é un problema e que a responsabilidade da situación é de ambas as dúas partes.

Pola súa banda, o representante da CIG Xosé Paleo considera o comunicado un "desprezo" por parte da empresa e unha "patada nos fociños". 

Este luns o persoal volve de novo á folga.

Noticias web

26/09/2021