CRTVG

Buscar

Alcoa, disposta a estudar de novo a venda da planta de San Cibrao á SEPI

Publicado o 04/01/2021 19:20
Alcoa, disposta a estudar de novo a venda da planta de San Cibrao á SEPI

A multinacional do aluminio Alcoa estudará de novo a venda da súa planta de San Cibrao, en Lugo, a única de aluminio primario que queda en España, á SEPI, tal e como informou o presidente da siderúrxica en España, Álvaro Dorado.

Na carta, divulgada á prensa polo comité de empresa da factoría lucense, os representantes dos traballadores son convocados a unha nova reunión fixada para o 7 deste mes.

Dorado indica que "co obxectivo de atopar unha solución" este mesmo luns o grupo tomou a decisión de reconsiderar a operación coa Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI), "tal e como o Goberno e os representantes dos traballadores viñeron demandando".

A propietaria do complexo industrial de Cervo pon, con todo, unha condición, e é a de que a folga indefinida que comezou o pasado outubro se dea por terminada, co obxectivo de que "o proceso poida desenvolverse nun ambiente de normalidade e paz social".

Alcoa engade que "continúa aberta ao diálogo tanto cos representantes dos traballadores como cos representantes institucionais", á vez que "mantén o seu compromiso de asegurar o mellor resultado posible" para os seus empregados.

Alcoa comunicou un día antes da pasada Noiteboa a súa decisión de recorrer ante o Supremo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que anulou o expediente de regulación de emprego (ERE) que a firma quería aplicar a 524 traballadores do seu cadro de persoal de San Cibrao.

Nun comunicado, a multinacional americana fixo constar que "as dificultades persisten", profundou na falta dun marco enerxético "competitivo" e subliñou que os "permanentes problemas estruturais" fan que a factoría galega non sexa "competitiva".

Noticias web

04/01/2021