CRTVG

Buscar

Alcoa anuncia unha mellora nos resultados mundiais en pleno ere en San Cibrao

Publicado o 09/07/2020 08:40

Alcoa anticipou que os seus resultados do segundo trimestre do ano rexistrarán unha xeración de caixa que superará os 950 millóns de dólares (838 millóns de euros) en todo o mundo, debido ás melloras experimentadas na súa produtividade e á redución de custos acometida.

Segundo informou a multinacional estadounidense produtora de aluminio, o seu avance preliminar de resultados trimestrais, que publicará definitivamente o próximo 15 de xullo, ofrece unha perda neta axustada de entre 15 e cero millóns de dólares, que supón unha mellora considerable fronte aos 42 millóns que perdeu neste concepto entre os meses de xaneiro e marzo deste ano.

Os ingresos, pola súa banda, moveranse nunha franxa que vai dos 2.100 e 2.175 millóns de dólares (1.850 e 1.920 millóns de euros), lixeiramente por baixo da cifra contabilizada no primeiro trimestre do ano.   

"No segundo trimestre logramos ganancias en produtividade, no aforro de custos e aumentamos o noso saldo de efectivo. Agora estamos a traballar para aumentar tamén a liquidez xeral e obter unha flexibilidade aínda maior, a medida que executamos a nosa estratexia, incluída a revisión continua da carteira e a venda de activos non básicos", asegura o presidente e conselleiro delegado da compañía, Roy Harvey.   

En España, Alcoa anunciou a finais de maio a súa intención de acometer un despedimento colectivo na súa planta de San Cibrao (Lugo) que afectaría a 534 empregados, despois de vender, o ano pasado, as súas outras plantas de Avilés (Asturias) e A Coruña ao fondo suízo Parter Capital, xustificando a decisión no elevado prezo da enerxía en España.

Alcoa prolongará as negociacións para o ere

Alcoa cede lixeiramente e amosa a súa predisposición a ampliar o período de consultas do ere para dotar o proceso de máximas garantías.

De non ser así, e en pleno rebrote na Mariña, o día límite para as negociacións das condicións do ere sería o 25 deste mes.

Polo tanto, quedou desconvocada a reunión prevista para hoxe. Tanto a Xunta como o Goberno central solicitaran á multinacional a paralización do procedemento previo para o despedimento colectivo de 500 traballadores.