Alcoa anuncia a aplicación do despedimento colectivo e a parada das cubas
Alcoa aplicará un despedimento colectivo que afectará 524 empregados e a hibernación ordenada das cubas de electrólise da planta de aluminio de San Cibrao (Lugo).
Alcoa tomou a decisión onte pola tarde, 8 de outubro, despois de analizar todas as opcións posibles e de levar a cabo un período de consultas de catro meses cos representantes dos traballadores e de negociacións para unha posible venda da planta de aluminio.
Alcoa prevé que a hibernación ordenada das cubas conclúa no primeiro trimestre de 2021. Alcoa manterá 99 empregados operando unha parte da fundición.
Peche por falta de "competitividade"
"De acordo co que compartimos coas partes interesadas ao longo deste proceso, a desafortunada realidade é que a planta de aluminio de San Cibrao non é competitiva e non prevemos que cambien os seus importantes problemas estruturais", dixo o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, Roy Harvey.
"Aínda que exploramos distintas opcións nos últimos meses, a reestruturación é necesaria para deter as continuas perdas económicas. Entendemos que este é un resultado difícil e estamos comprometidos en reducir o impacto nos nosos empregados, á vez que traballamos conxuntamente na reestruturación da planta de maneira segura e continuamos cumprindo con todas as normativas", indica Harvey.
Segundo xustifican dende Alcoa, a planta de aluminio de San Cibrao non é viable debido a "factores produtivos estruturais", como a ausencia dun marco enerxético competitivo en España, a sobrecapacidade mundial na produción de aluminio e a caída do prezo do mesmo.