CRTVG

Buscar

Alcoa e os sindicatos confían en atopar algunha solución tras o preacordo

Publicado o 16/01/2019 19:53

Alcoa manterá todos os traballadores das plantas da Coruña e de Avilés ata o 30 de xuño, aínda que segue firme na súa intención de pechalas e abandonar a produción de aluminio. É o acordo ao que chegaron in extremis a dirección da empresa e os sindicatos. O Goberno comprométese a buscar compradores para as dúas factorías.

Alcoa mantén o seu plan de ir pechando paulatinamente as plantas da Coruña e de Avilés, pero pon sobre a mesa 40 millóns de euros para investir nelas se de aquí a xuño aparece un comprador e hai que poñelas de novo en marcha. Ata esa data, ata o 30 de xuño, non haberá despedimentos. Mantén todo o cadro de persoal, a uns en activo, e a outros con plans de formación. Para outra parte deles ofrece prexubilacións e traslados á planta de San Cibrao.

José Manuel Gómez de la Uz, presidente comité de empresa de Alcoa en Avilés: "Gañamos tempo, 6 meses, que é o que necesitabamos para ter un estatuto dos electrointensivos, para buscar investidores. Os traballadores van estar suxeitos á empresa e non vai haber ninguén que estea regulado, iso é importante".

O Goberno comprométese a buscar compradores para as dúas plantas, pero non garante o 100 por cento do emprego en caso de peche, como lle piden os sindicatos.

Yolanda Valdeolivas, secretaria de Estado de Emprego: "Expectativas razoables dun futuro de pouca afectación final do emprego. Pero quero deixar moi claro: iso non forma parte do preacordo nin nós entendemos que iso sexa condición para a sinatura do acordo".

Este preacordo aínda está pendente de que o aproben os traballadores da Coruña e de Avilés.

 

 

 

Noticias web

16/01/2019