Alberto Varela: "Os concellos estamos facendo o máximo das nosas posibilidades"
Un dos grandes alcaldes de España, Iñaki Azkuna, alcalde de Bilbao, resumiu nunha frase asituación a que se enfrontan todos os días os mandatarios municipais ante os problemas das súas localidades: "Se non é da miña competencia, é da miña incumbencia".
Alberto Varela é alcalde de Vilagarcía e presidente da FEGAMP: "Os alcaldes e alcaldesas galegos estamos facendo o máximo que podemos para servir os nosos veciños e veciñas nunha situación totalmente excepcional para a que non estabamos preparados".
"A nosa prioridade é colaborar nesta crise sanitaria. Por un lado, axudamos cos nosos membros da Policía Local para que se respecten as medidas de confinamento. Depois, que os nosos servizos sociais estean máis activos ca nunca, agora é cando máis os necesitan os nosos veciños. Incluso sacamos adiante competencias que non nos corresponden, axudando en materia sanitaria, antepoñendo os nosos servizos municipais de emerxencias a desinfectar nas portas dos hospitais ou mesmo levando as tarefas dos nenos e nenas ás súas casas. Estamos facendo o que se nos pide e estudamos o que imos ter que facer no día de mañá para axudar o pequeno comercio e as persoas sen traballo".