CRTVG

Buscar

Alberto Meira e Iago Caamaño desafían a coroa de Víctor Senra no Campionato Galego de Rallys

Publicado o 26/05/2021 20:36

Tres ases do volante para un título. O tetracampión Víctor Senra, e os sempre aspirantes Alberto Meira e Iago Caamaño. Os candidatos destilan rivalidade, pero tamén boa sintonía fóra do coche. O Rally da Coruña dá o bandeirazo de saída ao campionato galego. A loita entre os favoritos volverá ser feroz. Meira e Caamaño prometen guerra nun obxectivo común: destronar por fin a Senra.

"Temos un coche que é a mellor unidade que hai e imos traballar moito durante toda a temporada para estarmos a tope e non darlle tregua", anuncia Caamaño. Mentres que Alberto Meira recoñece que Senra "é duro de roer pero imos tentalo, eu xa lle gañei en moitas ocasións sen ser no galego, en probas do nacional... É moi bo piloto e leva unha boa ferramenta"

A tarefa non lles ha ser sinxela. Senra é dominador absoluto nos últimos catro anos. Se gaña este igualará un clásico, seu pai Manolo Senra, e quedará a só un título do mítico Germán Castrillón, que detenta a mellor marca histórica, con seis títulos. E o piloto de Dumbría non ten pensado cambiar de paisaxe: "Imos tentar gañar os máximos posibles, aquí corro a gusto, en Galicia, gústame estar aqui´, correr, a afección... así que seguiremos estando aquí"

As estradas da Coruña serán o escenario da primeira batalla. Senra e Caamaño xogan na casa. O ano pasado mantiveron unha loita memorable. "Creo que foi un dos rallys máis apertados que houbo na historia en Galicia, por unha décima, a favor meu", lembra Senra. "Un rally con tramos moi ratoneiros, moi complicados, hai algún tramo con algunhas zonas que eu non faría porque son un pouco complicadas de máis", apunta Alberto Meira.

É a primeira das nove probas previstas nun Galego que tras un ano estraño, quere volver á vella normalidade

Noticias web

26/05/2021