CRTVG

Buscar

Albergues a aloxamentos do Camiño Francés están desbordados no treito galego nestas últimas semanas

Publicado o 07/08/2021 16:37

Desafían as inclemencias meteorolóxicas dun verán inestable e as limitacións derivadas da pandemia. Uns 34.000 peregrinos chegaron en xullo a Santiago en pos da frecha amarela e a experiencia queda para sempre."A min estame gustando moito; o que pasa é que vou un pouco coxo, pero imos tirando como se pode", sinala un camiñante, "O Camiño está sendo fantástico ata o momento. Acabamos de entrar en Galicia e a situación non sabemos moi ben como a imos encontrar", comenta outro.

Esa situación ao entrar en Galicia cambia substancialmente. Os principais problemas que se perciben desde aquí, desde Sarria: os albergues e aloxamentos están cheos e comeza a masificación na ruta. "O Camiño ata Sarria é unha cousa, de Sarria para diante é outra cousa. Entón chegan aquí e din: oe, eu levo andando vinte días e non tiven problema. Claro que non tivo problema, pero a partir de aquí incorpórase tanta xente e por encima o problema é que estamos cun trinta por cento de ocupación nada máis", explica Xurxo López, presidente da Asociación de Amigos do Camiño na comarca de Sarria.

Na Asociación de Amigos do Camiño andan cada día á busca da última cama libre en varios quilómetros a redonda para os peregrinos que chegan sen reserva. Mentres, os albergueiros quéixanse dese tope na ocupación do 30%. "O ano pasado, sen vacinas e sen nada, estabamos ao 70% e penso que podiamos subilo un pouquiño, aínda que fose a un 50%",  opina José Mejías, xerente do albergue A Pedra

A confortabilidade dos camiñantes vai, loxicamente, en proporción á súa capacidade de previsión. Os problemas de masificación concéntranse nos albergues, pero moitos optan pola planificación con reservas previas: . "Todo en hostais, agás en Santiago que imos a hotel", declara unha peregrina. "Non estou en albergues, estou reservando en pensións, hostais e ás veces custa reservar. Mesmo aquí creo que hai xente durmindo na rúa, acaban de dicir", sinala outro camiñante.

Entre os peregrinos tamén hai clases e non faltan voces que piden máis prazas nos albergues e noutros espazos de baixo custo.

Noticias web

07/08/2021