CRTVG

Buscar

Alarma veciñal en Santiago por un niño de 'vespas velutinas'

Publicado o 23/07/2020 14:14

Éste é o niño de 'vespas velutinas' que ten alarmados os veciños da aldea de Pardiñas de Abaixo, na parroquia compostelá de Laraño.

"Aquí estamos sentados e veñen beber e asústannos a todos". "Aí aniñaron alto e están polo medio de nós continuamente". "Témolo a carón da casa e estamos preocupados, é enorme, a ver se nolo quitan", din os veciños.

Os veciños alertaron o 112, que deu aviso a SEAGA, a empresa pública dependente da Xunta encargada da retirada dos niños. O seu protocolo só lles permite retirar os niños que estean a menos de 25 metros de altura, e este de Laraño supera esa distancia.

"Viñeron e dixeron que estaba moi alto e que ían enviar un dron. Isto foi fai un mes e pico e non volvemos ter noticias. Seguimos chamando pero seguen sen vir, di un veciño de Laraño.

Desde Emerxencias de Galicia aseguran que a competencia nestes casos é dos bombeiros ou dos grupos de emerxencia supramunicipal. Nos últimos meses apareceron na mesma zona outros tres niños de 'vespas velutinas' que xa foron retirados. O temor dos veciños de Laraño é maior tendo en conta que no mes de maio faleceu un experto apicultor pola picada dunha 'velutina'.

"Morreu un paisano fai pouco, é para ter algo de medo, sobre todo se es alérxico". A verdade é que estamos preocupados porque temos nenos pequenos", din os veciños.

Segundo os datos de Emerxencias, no que vai de ano retiráronse mais de 4200 niños de 'vespa velutina' en Galicia.

Noticias web

23/07/2020