Aínda é posible vacinarse sen cita ata o sábado no recinto de Expocoruña
Continúa o peche dos centros de vacinación masiva. O mércores clausurouse o de Ourense, este xoves o da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e mañá fará o propio o recinto de Expocoruña. Porén, ata as 14:00 horas deste sábado, calquera persoa que queira inmunizarse pode acudir a este punto a recibir a primeira ou a segunda dose.
En Expocoruña, o día que máis doses se administraron o número foi de case 12.000. Cristina Gómez, coordinadora de vacinación deste centro, explica que montar a infraestrutura e os circuítos moveu moito persoal sanitario, administrativo, de orde interna e demais colectivos. Estes 6 meses traballaron, sostén, para preparar un lugar en que vacinarse fose unha actividade áxil e poder inmunizar o maior número de persoas contra a covid-19 no menor tempo posible.
Di que foi "un total desafío" porque foi "a maior campaña de vacinación da historia da humanidade" e agora está o 93 % da poboación vacinada. Ademais, explica que a forma de traballar foi "totalmente distinta" e que houbo "moito traballo" porque hai moitas horas investidas.
Porén, están moi "emocionados e satisfeitos" por lograr unha gran campaña de vacinación e van pechar o recinto cun acto de recordo e recoñecemento polo esforzo levado a cabo.