CRTVG

Buscar

Aguado discrepa da vía xudicial de Ayuso contra as restricións: "Toca colaborar máis e pelexarnos menos"

Publicado o 01/10/2020 17:41

O vicepresidente de Madrid, Ignacio Aguado, afirma que “agora toca colaborar máis e pelexar menos en conferencias de prensa ou tribunais para salvar vidas”. Tras o anuncio da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, de que cumprirá coas restricións acordadas onte por maioría no Consello Interterritorial de Saúde, pero que as recorrerá ante os xuíces, Augado sinala nunha mensaxe da súa conta de Twitter que “o Goberno chegou tarde, pero á fin recoñece que é a única saída. Agora toca colaborar máis e pelexarnos menos”. 

Aguado afirmou esta mañá noutra mensaxe na súa conta oficial da rede social que "a procura de consensos non é unha opción, é unha obriga moral nestes momentos. A división custa vidas e empregos. Non deixarei de defender que a unidade, os acordos e o respecto á lei son o único camiño para saír desta crise"

No Congreso, o portavoz adxunto de Cs, Edmundo Bal, dixo non compartir a vía xudicial que expón a presidenta madrileña e aplaudiu o acordo alcanzado onte aínda que "é mellorable" porque establece uns criterios "obxectivos e razoables" para todos "Temos uns criterios homoxéneos para todo o territorio nacional e non dezasete diferentes", dixo Bal, quen chamou a traballar entre o Goberno e as comunidades para mellorar as medidas coas que non haxa conformidade baixo criterios técnicos e non ideolóxicos. 

Ao seu xuízo, o Executivo de Pedro Sánchez volveu a chegar tarde á xestión da pandemia, aínda que aplaudiu que asumira finalmente a súa responsabilidade en lugar de deixar a pelota "no tellado das comunidades". Sinalou ademais que non ve "lexítimo nin razoable" que alguén se queira levantar da mesa de negociación buscando o "rédito electoral ou por machucar o adversario" neste tempo de pandemia "Iso non toca agora", avisou o portavoz laranxa

O 'BOE' publica este xoves o acordo do Consello de Saúde, que implica a obriga de aplicar as novas limitacións en cidades de máis de 100.000 habitantes cunha alta incidencia da covid. As novas medidas, que afectan dez municipios madrileños, incluída a capital, entran en vigor a noite do venres. A presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso, anunciou este xoves no pleno da Asemblea de Madrid que cumprirá "de maneira estrita" a orde do Goberno central, pero avisou de que a levará "aos tribunais" para "defender os intereses lexítimos dos madrileños".

Estas instrucións tratáronse onte no Consello Interterritorial de Saúde, e as comunidades do PP votaron en contra, salvo Castela e León, gobernada polos populares e Cs. Precisamente, o seu vicepresidente e portavoz, Francisco Igea (Cs), asegurou este xoves que na súa Comunidade e en materia de Sanidade "sempre se fixo o que dixo Casado, Verónica Casado", en referencia a que a conselleira castelán-leonesa (tamén de Cs) ten o mesmo apelido que o líder nacional do PP, Pablo Casado, quen aludiu a que todas as autonomías con conselleiros populares votaran "non" no Consello Interterritorial