CRTVG

Buscar

Agriden un pai en Lugo cun puño americano ao defender o seu fillo

Publicado o 07/10/2020 13:32

Un pai que defendía o seu fillo dun grupo de mozos que o estaban a intimidar sufriu unha agresión, supostamente cun puño americano. Ocorreu na Praza Maior de Lugo, en pleno centro da cidade. Despois de que o rapaz fose zarandeado na rúa Clérigos, na contorna da catedral, a vítima acudiu no seu auxilio. Foi entón cando recibiu varios golpes, un deles nun ollo, que precisou atención médica.

"Parece ser que houbo algún tipo de discusión entre rapaces na rúa Clérigos. Ao saber disto o pai dun dos rapaces, chamoulles a atención, fronte ao Círculo das Artes, aos implicados na rifa. Entendemos que este pai foi, froito desa conversa, agredido polos mesmos rapaces que se meteran co seu fillo", di Manuel Arias, voceiro da Comisaría de Lugo.

A lea mobilizou ata catro dotacións policiais. Unha vez no lugar, identificaron o presunto autor das lesións, un mozo maior de idade.

"Foron identificadas varias persoas, entre elas o presunto agresor. Se realmente se soubera que fora o agresor e que utilizou, xa sería detido nese momento. Pero aínda non sabemos nin como nin con que", explica Manuel Arias.

Pola súa parte, o fillo da vítima da agresión sufriu unha crise de ansiedade, polo que tamén precisou asistencia sanitaria.

Noticias web

07/10/2020