CRTVG

Buscar

Agriden en Cesuras un cobrador de morosos

Publicado o 31/12/2020 14:17

Ángel di que está vivo de milagre despois da agresión que sufriu traballando. El dedícase ao cobro de impagados e morosos. Onte ía entregar a notificación dunha débeda a un home que vive na parroquia de Mandaio, en Oza-Cesuras. Antes de que baixase do coche, a ira dun familiar do destinatario da nota desatouse sobre o vehículo en que estaba o cobrador.

Ángel Jiménez Correa, empregado de La Funeraria del Cobro: "Chegou alí un coche cun remolque. Sacou unha machada e, nada, a machadazos, e eu dentro do coche. Non recibin ningún golpe directamente, pero si o impactos dos vidros. Meteu un machadazo á altura do meu pescozo na porta do condutor e non me deu de milagre, vin a manchada aquí. As lesións que teño son sobre todo no ollo, dixéronme que gardara repouso poruqe teño a visión borrosa e a sensación de que algo me roza dentro. Os cortes dos vidros na cara, tiveron que quitarme cristais da mans que tiña cravados".

Polo que conta Ángel, a acción tivo máis episodios de agresividade: "Saíu un home da vivenda, que se viu desde lonxe e meteu un par de tiros cunha escopeta. O que me deu coa machada dixo que nos ía matar, que me ía matar. Foi todo moi rápido".

Como consecuencia da agresión sufrida, Ángel está de baixa laboral. A Garda Civil detivo o presunto autor dos machadazos, un home duns cincuenta anos. As dilixencias enviadas ao xulgado sinálano como suposto responsable dos delictos de ameazas, lesións e danos.

Noticias web

31/12/2020