CRTVG

Buscar

Agolada pasa de estar libre de coronavirus a unha incidencia de 781 casos por 100.000 habitantes en só unha semana

Publicado o 27/08/2021 15:09

Mañá reaizarase un cribado para a xente nova no centro de saúde do municipio

A poboación maior de 65 anos na Agolada supón máis do 41 por cento do total de habitantes. A maior parte das 18 persoas do municipio con contaxio activo de coronavirus son xente nova, pero a facilidade coa que poden transmitir a enfermidade aos máis vulnerables é o que máis preocupa aquí.

O concelleiro de Sanidade, Marcos Galego, confirma esa preocupación porque "esa xente nova pode contaxiar os pais e os avós, que son os que teñen máis risco".

Con boa parte da poboación confinada, aquí bótanlles boa parte da culpa desta explosión de casos, de cero a 18 en só sete días, ás festas dun municipio veciño, neste caso o de Melide, que celebrou o San Roque. Unha veciña lamenta que se celebrara esa festa.

"O que se comenta está claro, houbo festas que non había que facer", di un viandante. Outro engade que "o problema non é facer xuntanzas, senón non tomar medidas de protección". 

As restricións, con todo, van permanecer polo de agora no nivel máis baixo porque este crecemento foi tan explosivo que desde o pasado martes, cando se celebrou o último comité clínico, as cousas cambiaron radicalmente. No concello auguran un cambio de nivel para a vindeira semana e chaman á poboación a non relaxar as medidas.

Segundo fontes municipais, ningún dos afectados necesitou, ata agora, ser hospitalizado. Mañá realizarase un cribado no centro de saúde do municipio ao que están convocadas 180 persoas de entre 18 e 30 anos.

Noticias web

27/08/2021