CRTVG

Buscar

Agocha décimos de lotaría polo seu barrio de Lugo para que os atopen os veciños

Publicado o 17/12/2020 13:48

Solidariedade e boa veciñanza. Son os motivos dun vendedor de lotaría de Lugo para poñer en marcha unha campaña do máis curioso e que está a atraer numerosos veciños á rúa onde está o seu establecemento. 

"Sen comprar os cupóns non tocan os millóns". Iso di a publicidade, pero non é totalmente certo no barrio lugués de Santo Antón. Dende onte e ata o domingo, os veciños poden atopar agochados polas rúas décimos para o sorteo de Nadal

Poden estar entre as baixantes, nas árbores, nos bancos, nos colectores ou en calquera lugar do barrio. Cada día hai cinco décimos de lotaría do Nadal agochados nas rúas e só hai que seguir as pistas para dar con eles.

A de hoxe non semellaba moi difícil. Este establecemento, onde se vende lotaría, puxo en marcha este particular xogo para desfrute dos veciños. Son en total 25 décimos por valor de 500 euros que poden converter en millonarios os afortunados sen ter que mercar os boletos.

Un xesto de solidariedade nun ano tan duro. "O que buscamos aquí é diversión, incentivar que a xente vexa que hai cousas fora da pandemia. Ilusión na rúa e que o atope a xente que o está a pasar mal", asegura Fernando Toubes.

No primeiro día só apareceron tres dos décimos agochados, polo que arestora hai sete na rúa. Os afortunados agradecen o xesto do vendedor de lotaría e sinalan que tamén é unha forma de pasar o día de xeito ameno. Iso si, o promotor da iniciativa di que se sente algo vixiado.

Así que, se queren participar na busca e obter un décimo de lotaría sen máis custo que pasear por esta parte de Lugo e ter os ollos ben abertos, non dubiden en achegarse ao barrio de Santo Antón.

Noticias web

17/12/2020