CRTVG

Buscar

Afúndese o buque en que se rexistrou un incendio no porto de Bouzas

Publicado o 03/12/2020 20:37

O pesqueiro atracado no peirao de Bouzas, en Vigo, comezou a afundirse despois de que un voraz incendio se declarara a primeira hora deste xoves na súa adega, probablemente durante uns traballos de soldadura. Non se rexistraron danos persoais.

Ao longo da xornada, un amplo dispositivo de emerxencias tratou de sufocar as lapas, e en vista do empeoramento da situación e de que o buque, o Baffin Bay, de 68 metros de eslora e 13 de manga, se escoraba cada vez máis, despregáronse barreiras anticontaminación.

Sobre as 20:00 horas, o lume estaba a aproximarse ao depósito de combustible, e con iso considerábase o afundimento controlado da nave.

O incendio declarouse arredor das 8:45, e durante os labores de extinción procedeuse á retirada de todo o material inflamable de cuberta (botellas de gases de soldadura, osíxeno e acetileno) e evacuáronse os aparellos e redes de a bordo.

Así mesmo, e co obxectivo de alixeirar e ter maior accesibilidade aos puntos de lume, os bombeiros procederon a cortar varias pezas metálicas do buque. 

Ao redor das 13:15 produciuse unha pequena explosión a bordo, aínda que non houbo danos persoais.

O grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias mobilizou unha motobomba de gran caudal e un equipo de drons para incorporar ao operativo de extinción.

Segundo informa a Autoridade Portuaria de Vigo, o incendio afectou principalmente a área de adegas e o parque de pesca do barco, un arrastreiro conxelador da armadora South Atlantic Squid, LTD, pertencente ao Grupo Copemar, construído en 1993 e que actualmente navega baixo bandeira inglesa.

O buque chegou a Vigo, con orixe no porto de Montevideo, tras unha viaxe de máis dun mes de duración.

Noticias web

03/12/2020