CRTVG

Buscar

Os tripulantes galegos do Albacora Seis, afundido en Costa do Marfil, agardan a repatriación

Publicado o 17/02/2020 08:37

• A tripulación completa do atuneiro, incluído un grupo de mariñeiros do Morrazo, foi rescatada por outro pesqueiro, o Monte Lape

Imaxes cedidas por Faro de Vigo

Marian recibiu a noticia do afundimento do Albacora Seis directamente do seu home, que traballaba como engraxador no atuneiro. Quería tranquilizala antes de que saltara a alarma.

Chamouna dende o barco que os rescatou. Unha conversa moi breve na que explicou os motivos do naufraxio.

Juan Carlos Pena ten 54 anos e moita experiencia no mar. Tiña que volver á casa a finais de mes. A súa familia só pensa agora en abrazalo.

A bordo do Albacora Seis viaxaban 29 tripulantes. Case todos senegaleses, excepto catro galegos e cinco vascos. Está previsto que mañá cheguen a porto, á capital de Costa de Marfil. Están en bo estado e a armadora xa está a xestionar a súa repatriación.

O sábado á noite, o atuneiro Monte Lape recibía unha chamada de socorro do Albacora Seis. Os dous estaban en augas ao sur de Costa do Marfil, no océano Atlántico. O Monte Lape levaba a cabo a operación de rescate da tripulación ao completo, 29 mariñeiros, entre eles un grupo de homes do Morrazo, concretamente de Cangas.

Agardaban nunha pequena embarcación auxiliar despois de que o Albacora Seis, por causas que se descoñecen, sufrira unha vía de auga no casco que o levou finalmente a afundirse. A tripulación completa, co medo no corpo, está a salvo.

Un pequeno barco auxiliar que levan todos os atuneiros en altura e pode soportar ata 900 quilos de peso serviu á tripulación do Albacora Seis para esperar a ser rescatada polos seus compatriotas do pesqueiro Monte Lape, que pertence ao grupo Calvo.

Nas imaxes, cedidas por Faro de Vigo, pódese ver como os 29 mariñeiros, entre eles un grupo de Cangas, agardaban a ser trasladados a outro barco para que os levase a terra firme. O Albacora pescaba no golfo de Guinea, a unhas 260 millas náuticas da capital económica de Costa do Marfil, Abidján.

A auga comezou a entrar no casco ata que se afundiu ás 22:40 horas do sábado. As causas non transcenderon. Tras a chamada de socorro por radio do atuneiro no que ían a bordo os galegos, o Monte Lape, que estaba a catro millas de distancia, levou a cabo a operación de rescate.

O Albacora Seis foi construído nos anos setenta no estaleiro vigués de Barreras, así que levaba máis de corenta anos en activo. O capital é, aínda que cunha pequena participación galega, vasco. Pertence á empresa de Nicra-7. Coma outros Albacoras da frota arrastreira, o número seis adoita ser reparado en Bouzas. Tamén usa como base o porto de Ribeira.