Prevén reflotar este xoves o bateeiro afundido no porto de Bueu

Polo de agora, investíganse as causas do afundimento dun bateeiro durante a Noiteboa no porto de Bueu. O xoves comezan os traballos para tentar reflotalo.
Varias persoas paseaban polo peirao de Bueu cando viron como escoraba o barco. Alertaron aos servizos de emerxencia pero nada se puido facer. Aseguran que afundiu en pouco minutos. Outros bateeiros que estaban abarloados foron trasladados para evitar maiores consecuencias.
No lugar traballaron embarcacións de Salvamento Marítimo e da Garda civil, o propio armador e bateeiros da zona que ante a imposibilidade de reflotar o barco estenderon unha barreira anticontaminación e pranchas absorbentes para impedir que se propague o combustible que a embarcacion tiña nos tanques, calcúlase que máis de 2000 litros. Nas últimas horas o servizo de gardacostas procedía á súa substitución.
Polo de agora descoñécense as causas que provocaron a entrada da auga neste bateeiro de nome "Nodales" que cando afundiu estaba amarrado a porto despois de faenar. Haberá que agardar os informe dos peritos para coñecer a razón do afundimento e poder avaliar os danos materiais. Afortunadamente non houbo que lamentar feridos.