CRTVG

Buscar

Aetinape denuncia os atrancos das tripulacións galegas por non estaren vacinadas

Publicado o 14/04/2021 13:15
Aetinape denuncia os atrancos das tripulacións galegas por non estaren vacinadas

Unha das maiores empresas atuneiras vascas solicitou axuda á Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueiros (Aetinape), con sede en Vigo, para avanzar na vacinación das tripulacións galegas. A pesqueira pídelle que exerza presión ante as autoridades sanitarias neste asunto.

Nun comunicado, Aetinape cualifica de "indignante e vergoñenta" a situación relatada pola compañía que, considera, pon de manifesto "o pasotismo das autoridades da maior potencia pesqueira de España, que non moveu un dedo para incluír os pescadores nos grupos de inmunización prioritarios".

Segundo explica na súa carta a empresa atuneira, Euskadi xa comezou coa inmunización dos integrantes de toda a flota para minimizar os riscos de contaxio a bordo. "Con todo, atopámonos ante a problemática de que a tripulación galega non ten acceso ás vacinas", sinala.

Segundo Aetinape, "esta patética situación estalles a xerar gravísimos problemas ás tripulacións e ás empresas", polo que llelo comunicou nas últimas horas ás consellerías de Sanidade e do Mar.

A asociación lembra que o pasado 18 de febreiro xa solicitara a vacina para todos os tripulantes galegos pero, asegura, o conselleiro de Sanidade "nin tivo a deferencia de contestar". Do mesmo xeito, subliña que o pasado 24 de marzo pediu o apoio a todos os membros da Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia.