Aduanas cre que outros narcosubmarinos puideron chegar a Galicia antes ca este

O narcosubmarino cargado con 3.000 quilos de cocaína interceptado esta fin de semana na ría de Aldán podería non ser o primeiro en alcanzar as costas de Galicia, segundo o xefe rexional de Aduanas, Jaime Gayá.
Nunha entrevista con Efe, Gayá admite que esta posibilidade "non é descartable, pero non se pode afirmar ao 100% unha cousa nin a contraria".
Todo iso ao ter en conta que os tripulantes afundiron o somerxible aposta, sen reparar no custo da súa fabricación, arredor dos dous millóns de euros.
O que si ten claro Gayá é que, "á luz deste achado", o Servizo de Vixilancia ten que "repensar actuacións pasadas", en que seguimentos realizados tras recibir determinada información non frutificaron en comisos de alixos.
A partir de agora, recoñece, haberá que actualizar os protocolos de actuación ao recibir unha alerta e "pensar máis aló dun pesqueiro ou dun veleiro", para empezar a valorar a posibilidade deste tipo de somerxibles artesanais.
"É un medio que ata o de agora non contemplabamos", di Jaime Gayá, quen considera que dispoñen de tecnoloxía suficiente para controlar a entrada de narcosubmarinos ás costas da comunidade, como radares ou captación de imaxes térmicas.
"Ata o de agora non viramos algo así. Os nosos barcos non tiñan instrucións de buscar narcosubmarinos. Temos os medios, o instrumental", pero "fai falta revisar os protocolos", insiste.
Tal é a novidade que a Axencia Tributaria solicitou a colaboración da Armada de Colombia para que instrúa aos servizos de Vixilancia Aduaneira sobre como se identifican e se fabrican os narcosubmarinos, e como fan naquel país os seguimentos a este tipo de artefactos.