Adolfo Domínguez perde 15 millóns de euros entre marzo e novembro

Adolfo Domínguez disparou as súas perdas ata os 14,97 millóns de euros entre marzo e novembro de 2020, sete veces máis que os 2,1 millóns que se deixou no mesmo período do ano anterior.
Segundo recolle a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a crise da covid-19 provocou un resultado operativo acumulado no terceiro trimestre do exercicio de -5,6 millóns de euros, e unha ganancia neta atribuída de -14,9 millóns, fronte aos -5,5 millóns e -2,1 millóns xerados o ano anterior.
As vendas de Adolfo Domínguez alcanzaron nos 9 meses os 40,5 millóns de euros, un 47,1 % menos que no mesmo período do exercicio anterior, segundo informaron fontes da compañía.
"A crise do coronavirus segue sendo determinante día a día, e máis para aquelas empresas que contamos cun importante compoñente social e cunha actividade marcada pola evolución do consumo", sinalou o director xeral da compañía, Antonio Puente, quen garantiu que se están adoptando todas as medidas necesarias para "garantir a liquidez e a solvencia da nosa compañía ata que as condicións do negocio poidan restablecerse".
Neste escenario de crise, o grupo confirmou que mantén o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) aplicado a un 43 % do persoal como consecuencia das actuais restricións e a baixada do consumo.
O 39 % das tendas da firma sufriron algún tipo de restrición de horario ou apertura durante a segunda onda global da covid-19 (setembro-novembro de 2020). O único dato positivo é o da facturación en liña, que crece un 28,2 %, un dato que non palía a caída da actividade comercial nas tendas físicas.
A compañía apuntou que as actuais medidas gobernamentais "non son suficientes" para "paliar a caída" de ingresos e beneficios derivado do peches de tendas, limitación de horarios, ocupación, menor mobilidade de clientes, e destaca tamén "a imposibilidade" de renegociar os prezos dos alugueiros de locais.