CRTVG

Buscar

Admitido a trámite o contencioso-administrativo das vítimas do accidente de Angrois contra o Ministerio de Transportes

Publicado o 27/04/2021 18:45
Admitido a trámite o contencioso-administrativo das vítimas do accidente de Angrois contra o Ministerio de Transportes

O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo que presentou a asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155 contra o Ministerio de Transportes pola súa negativa a revogar a parte dos integrantes da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF).

Nunha notificación con data do 22 de abril, a sección sexta da sala do contencioso-administrativo deste tribunal designa como maxistrado relator a José Ramón Giménez Cabezón. Cabe interpor recurso de reposición no prazo de cinco días. Ademais, esta sala require do ministerio a remisión no prazo "improrrogable" de 20 días do expediente administrativo relativo a esa petición de revogación de membros da CIAF.

A plataforma de vítimas, que representa a maior parte dos afectados polo accidente ocorrido en Angrois en xullo de 2013, onde morreron 80 persoas e resultaron feridas 144, presentou o pasado día 15 a demanda contra o ministerio. Fíxoo despois de que o ministerio de José Luis Ábalos desestimara renovar a parte dos membros da CIAF, que segundo a plataforma "non goza de independencia" a día de hoxe.

O día da presentación do recurso, o presidente da plataforma, Jesús Domínguez, pediu ao ministro que "deixe de mentir" ao dicir que "ten sensibilidade coas vítimas" e que as atenderá as veces "que sexa necesario" porque "é falso". Segundo Domínguez, levan "dous anos e medio detrás del", sen que lles concedese unha reunión. As vítimas aseguran que Ábalos ten a capacidade para destituír membros da CIAF, pero censuran que "non o fixo".