CRTVG

Buscar

Adi Iglesias: "Os 400 metros podían psicoloxicamente comigo e pensei en recuar e marchar"

Publicado o 07/06/2021 21:39

Adiaratu Iglesias amosa as súas medallas de campioa de Europa nos cen e catrocentos metros, as distancias de atletismo adaptado nas que vai competir nos Xogos de Toquio. Ela foi a primeira sorprendida porque non son as distancias que tiña mellor preparadas.

Adi Iglesias, atleta: "Foi inesperado e acabei moi contenta".

A federación internacional, por sorpresa, reclasificou a atleta luguesa a unha categoría de discapacidade visual menor, que non contempla a súa proba favorita, os 200 metros. No seu lugar, os 400 supoñían un muro mental.

Adi Iglesias, atleta: "Estaba moi nerviosa. Os 400 metros podían psicoloxicamente comigo e pensei en recuar e marchar".

E fixo a mellor marca europea. O tempo nos cen metros tamén foi moi meritorio: 12.08, cando o récord galego está en 11.93 en mans de Ana Peleteiro.

Adi Iglesias, atleta: "Non coñecía as marcas das miñas rivais. Os primeiros oitenta metros fíxenos moi rápidos. Despois quedeime un pouquiño. Pero pensei que había que tirar porque era unha clasificación directa".

Despois de triunfar en Europa e superar os seus medos, Adi Iglesias reemprende o camiño cara a Toquio.

Noticias web

07/06/2021