CRTVG

Buscar

Acusado de pesca ilegal o patrón do barco galego apresado en Irlanda

Publicado o 03/06/2021 17:26
AXENCIAS

A Fiscalía irlandesa acusou o patrón do palangreiro galego Punta Candieira de infrinxir as normas de pesca. Segundo fontes oficiais, Vicente Meitín Sanjuán, de 52 anos, compareceu este xoves ante un tribunal de Middleton, no condado sureño de Cork.

O vindeiro 8 de xuño deberá presentarse de novo nun xulgado dese país para facer fronte a varios cargos. As autoridades considérano responsable, como capitán do pesqueiro, da súa entrada en augas da baía de Bantry dentro do límite das 12 millas, no que só poden traballar barcos con bandeira irlandesa.

Ademais, o fiscal John Brosnan acúsao de "pescar ilegalmente" dentro deses "límites exclusivos" no mesmo día. Segundo o letrado do Estado, viólanse os artigos 8 e 10 da lei de Xurisdición Marítima e Pesqueira de 2006.

O barco galego, con base no porto de Celeiro (Lugo), permanece atracado nunha dársena do peirao de Cobh, ao leste de Cork, a onde chegou escoltado o martes por unha patrulleira da Mariña irlandesa. O tribunal impuxo unha fianza de 170.000 euros para a súa liberación. Aínda que a fianza nestes casos adoita roldar os 200.000 euros, reduciuse debido ao valor das capturas que levaban a bordo, duns 8.000 euros. 

O día anterior, o buque militar LÉ Róisín prendera o Punta Candieira nun caladoiro situado ao sur do cabo de Mizen, a unhas 95 millas (175 quilómetros) da costa do condado de Cork.

 Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, sinalou que a Xunta leva "desde o luns en contacto coa embaixada en Irlanda, co cónsul honorario en Castletownbere". A preguntas da prensa nun acto en Vilagarcía, a conselleira dixo que a tripulación "está ben" e espera que "se decida rápido a situación que levou a este apresamento", de forma que "pronto poidan retomar a actividade".

 

Noticias web

03/06/2021