CRTVG

Buscar

Acoden o 75 % dos citados ao cribado masivo de Laza, que estrea máximas restricións

Publicado o 03/05/2021 20:33

Máis do 75 por cento dos citados acudiron esta tarde ao cribado masivo de Laza, onde se acaba de activar o nivel máximo de restricións polo elevado número de contaxios.

As ringleiras ás portas do pavillón municipal xa adiantaban o resultado. O 77 % dos citados acudiron ao cribado en Laza.

"Onte puxen a vacina e hoxe veño facer o test". "Xa que nos citaron, hai que facelo, para saír de dúbidas", din dúas veciñas.

Laza acaba de entrar no nivel máximo de restricións. Hai once casos nunha poboación de 1.200 habitantes. Segundo o rastrexo realizado, o gromo xestouse nunha cea privada de amigos que ao día seguinte acudiron a un bar. Calculan que hai outros seis casos relacionados, adscritos a outros centros de saúde.

Ramón Barreal, alcalde de Laza: "Eu estou en contacto permanente coas forzas de seguridade para evitar que se mova xente que non debe, e estamos falando de 17 persoas".

Esperan que o cribado axude a frear a transmisión: "Tal como está a situación, somos pouca poboación, se hai 15 ou 20 persoas, pode ser un desastre para nós, sanitario". "É preocupante. Durante un ano houbo poucos contaxios e agora, no último momento, estamos peor que ao principio?".

A hostalería leva aquí pechada desde que se detectaron os casos, e moitos veciños optaron polo autoconfinamento e baleiraron as rúas de Laza.