Activos 580 gromos en España con 6.900 contaxiados
Pendentes da actualización das cifras de coronavirus en España, os casos seguen aumentando en boa parte das comunidades autónomas. A día de hoxe seguen activos ata 580 gromos con máis de 6.900 contaxiados. Cataluña e Aragón seguen liderando o preocupante aumento de contaxios, pero tamén se incrementan en Madrid e Murcia.
Baixan as cifras de contaxios en Cataluña. A Generalitat notificaba nas últimas 24 horas 863 novos positivos por coronavirus e cinco falecidos. Esta mañá, os cribados masivos que se levaron a cabo a semana pasada en Sabadell, Ripollet e Terrassa, na provincia de Barcelona, estendéronse tamén a Vilafranca del Penedès e Santa Coloma de Gramanet.
Na Comunidade de Madrid hai activos 22 gromos. Preocupa especialmente o último detectado nesta residencia de Ciempozuelos, con 5 positivos, dous hospitalizados. A ese centro foran derivados a semana pasada os residentes sans da residencia de San Martín de la Vega cando se detectara o virus. Os alcaldes das dúas localidades piden que se investiguen os traslados entre residencias.
Preocupante tamén o avance dos casos de coronavirus na rexión de Murcia. Pasan xa do milleiro de casos, con 66 enfermos hospitalizados, 11 na UCI. A localidade murciana de Totana, en fase 1, sumou a última semana 59 positivos.
José Carlos Vicente, director xeral de Saúde Pública de Murcia, di que durante esta semana se vai analizar a evolución e que se vai continuar realizando probas.
Nalgúns barrios da cidade de Murcia e da cidade de Lorca experimentouse un preocupante incremento de casos, polo que o Goberno rexional anunciou un seguimento dos casos e control das corentenas. Por exemplo, no barrio murciano do Carmen comezarán mañá con PCR masivas.
Nos hospitais de Andalucía as cifras de hospitalizados continúan á alza. Hoxe hai 110 ingresados, 4 máis en 24 horas. O Concello de Sevilla decretaba esta mañá o peche preventivo dun mercado de abastos onde se detectou un gromo nunha empresa. Vaise proceder a unha desinfección integral.
En Granada, a localidade de Puebla de Don Fadrique detectou trece positivos tras unha reunión de mozos noutra localidade próxima, o que levou o Concello a decretar confinamento dos veciños.
Polo demais, na comunidade de Estremadura, a localidade da Morera, en Badaxoz, pasa esta medianoite á fase 2 tras detectárense 17 novos positivos.
E en Albacete (Castela-A Mancha) un total de 126 xornaleiros dos 200 que estaban illados deron positivo en coronavirus.