CRTVG

Buscar

Sucesión de borrascas por mal tempo, con alerta laranxa activada

Publicado o 11/12/2020 14:19

A Dirección xeral de Emerxencias mantén activada desde esta mañá a alerta laranxa por chuvia intensa no interior da provincia de Pontevedra e activa tamén a alerta laranxa por temporal costeiro na Coruña e Lugo a partir deste serán.

Así, prevense precipitacións de 80 milímetros en 12 horas no interior de Pontevedra.

Ademais, avisa dun fenómeno meteorolóxico adverso costeiro por mar combinado do noroeste con ondas entre 5 e 7 metros, polo cal lembra a necesidade de extremar as precaucións e adoptar as medidas de protección pertinentes.

Por este motivo, xa se notificou a situación aos concellos da provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e mais clubs náuticos, entre outros.

Xa houbo varias incidencias. En Gondomar, a caída dun muro dunha propiedade particular deixou estragada unha pequena estrada entre Lourido e Vilaza, onde varias casas perderon o acceso.

O mar xa batía con forza en Baiona antes das doce e os clásicos establecementos de recordos adáptanse a estes tempos; tanto como os cidadáns que aceptan este tempo como necesario e habitual dos invernos galegos.

As previsións fálannos de tren de borrascas e mesmo ciclóns extratropicais. O que está claro é que o anticiclón está ben lonxe de nós; aínda que tamén está anunciada unha pequena paréntese este sábado e domingo no interior de Pontevedra.