CRTVG

Buscar

Acordo no xuízo polo crime de Sárdoma: o acusado acepta cinco anos de cadea

Publicado o 06/10/2020 15:07

Houbo acordo en Vigo no xuízo polo coñecido como crime de Sárdoma. O acusado, que matou e ocultou o cadáver do seu pai varios días, cumprirá cinco anos e dez meses de cárcere polo delito de homicidio coa agravante de parentesco, pero cos atenuantes de confesion e alteración psíquica. O acordo rebaixa a pena a case a metade.  

O acusado chegaba aos xulgados de Vigo para ratificar o acordo acadado enre as partes. Tal e como estaba previsto, declarouse culpable e aceptou a condena negociada por conformidade. Fronte aos once anos e medio de cárcere que solicitaba a fiscalía no seu escrito inicial, deberá cumprir cinco anos e dez meses de prisión por un delito de homicidio coa agravente de parentesco e as atenuantes de confesión e alteración psíquica.

Os feitos remóntanse a decembro de 2018, cando o acusado golpeou a seu pai varias veces na cabeza, o que lle ocasionou a morte. Despois arrastou o seu corpo ata un alpendre e ocultou o cadáver durante tres días ata que o trasladou atado de pés e mans nunha carretilla para depositalo nunha leira próxima á súa vivenda, onde o deixou cuberto con bolsas, teas e ramallada.

O cadáver foi localizado unha semana despois e nun rexistro policial o acusado recoñeceu o crime. Dende ese momento permaneceu en prision, e así vai continuar para cumprir condena, xa que a senteza é firme. Finalmente non houbo que constituílo, pero este era o primeiro xuízo que se ía celebrar con xurado popular no contexto da covid-19.

Noticias web

06/10/2020