Detido por acoitelar nunha perna un compañeiro de piso en Lugo
Pasadas as seis desta mañá saía dun portal da rúa Río Sil, no barrio lugués de Paradai, un home sangrando. Ía deixando un rastro de sangue como consecuencia da agresión cun obxecto punzante que recibiu no interior do inmoble, no cuarto andar. Algún veciños dixeron que escoitaran un ruído grande e a baixada de dúas persoas polas escaleiras.
Unha testemuña que os viu na rúa relata que mentres o que sangraba estaba no chan o outro aínda lle daba patadas. A vítima camiñou zigzagueando pola beirarrúa varias ducias de metros ata que se desmaiou. Foi trasladao ao hospital en ambulancia. Unha patrulla da Policía Local que pasaba pola zona pediu o transporte sanitario ao ver o home ferido na rúa. Seguiron o rastro de sangue ata a vivenda onde lles abriu outro home tamén manchado de sangue.
Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional, explica que o detido nun primeiro momento pretende eludir calquera participación no feito e finalmente admitiu que os dous tiveran unha liorta.
O detido como presunto agresor comparte piso coa vítima. A policía interrógao nas pescudas para aclarar as circunstancias da agresión. Despois levarano ante o xuíz.