CRTVG

Buscar

Achégase unha gran borrasca con chuvia, vento e ondaxe fortes

Publicado o 13/01/2020 13:58

Este luns está a marcar un cambio no panorama atmosférico co remate do anticiclón para pasar a unha gran borrasca. Esta mañá aínda houbo xeadas en puntos do interior e o mar de fondo xa anunciaba o empeoramento do tempo que se aveciña. Para toda a tarde hai avisos de vento de forza sete e ondas de catro metros de altura. Mañá vai a peor en chuvia e, sobre todo, polo vento.

Juan Taboada, que fai prognósticos en MeteoGalicia di que " logo chegará unha fronte moi activa, de curta duración, pero con chuvia de carácter torrencial na madrugada do mércores. Así que será na tarde e noite do martes e madrugada do mércores cando teñamos as peores condicións. Xuntaranse refachos de vento fortes de máís de cen quilómetros por hora, moita chuvia e no mar ondas que van superar os cinco metros de altura".

Canto ás temperaturas, despois de rexistros como os nove baixo cero que houbo onte en Calvos de Randín ou os cinco baixo cero de Xinzo de Limia, as mínimas soben notablemente polo efecto do vento do sur.

Segundo Taboada: "As temperaturas vanse suavizar moito. Vano notar, sobre todo, quen viva nos vales do interior, nomeadamente Ourense e a provincia de Lugo. Estes días atrás co anticiclón predominaban as xeadas e as néboas bastante mestas. Todo iso vai desaparecer. Mañá mesmo xa terán unha madrugada moito máis suave. Os ventos de vento do sur que soprarán esta noite impedirán que se formen esas néboas e achegarán unha masa de aire máis temperada".

As áreas en que o vento zoará con máis forza abranguen o litoral e os puntos altos do interior.

Noticias web

13/01/2020