CRTVG

Buscar

Aceptan tres anos de cadea pola morte do seu bebé en Ourense

Publicado o 08/06/2021 11:59

Os pais acusados dun delito de homicidio por imprudencia grave e outro de lesións pola morte do seu bebé de dous meses de idade aceptaron unha condena de tres anos de prisión tras admitir os feitos.

O caso xulgábase en Ourense e, tras unha hora de deliberacións, todas as partes aceptaron unha pena de dous anos polo delito de lesións e un por homicidio imprudente. Nun primeiro momento solicitábanse sete anos de cadea.

O suceso tivo lugar en marzo de 2019 na cidade de Ourense. Un dos nenos apareceu morto con síntomas de deshidratación, supostamente por durmir preto dun calefactor. O irmán xemelgo tivo que ser trasladado ao centro hospitalario con lesións, o que provocou que a policía e o xulgado activasen os protocolos pertinentes. 

Á saída do xuízo, o avogado do pai sinalou que pedirá a suspensión da condena. O neno está acollido por unha familia e os pais teñen visitas programadas.

O proxenitor terá que indemnizar con 6.000 euros o menor pola morte do seu irmán e solidariamente outros 5.400 polas lesións causadas.

Noticias web

08/06/2021