CRTVG

Buscar

Acepta catro anos e tres meses de cárcere por facer estoupar unha bomba caseira

Publicado o 22/05/2019 13:13

Enfrontábase a unha petición de dez anos e medio de cárcere por tres delitos cometidos entre decembro de 2014 e febreiro de 2016, polos que estivo en prisión provisional durante 10 meses. Este mércores recoñeceu que ameazara o dono da casa onde a súa muller estivo empregada como asistenta en Santiago. Na porta desa vivenda fixo estoupar un artefacto caseiro fabricado por el mesmo cunha pota en que meteu unha gran cantidade de pezas metálicas, líquido inflamable e unha botella de gasolina.

Ademais de recoñecer os feitos, pagou case dous mil cincocentos euros polos danos causados. A súa avogada acordou coa fiscala e a acusación particular unha condena de catro anos e tres meses de cárcere. Pagará unha multa pero non terá que volver a prisión.

"Non entra en prisión. As condicións son o pago dunha multa, que pode ser fraccionado, que non se achegue nin a Eugenio nin á súa muller a unha distancia de 500 metros nin se comunique con eles por ningún medio e que non delinca no prazo de catro anos", explica Esther Diz, avogada defensora. 

Non se poderá achegar durante doce anos aos donos da casa onde colocou o explosivo. Ao rematar o xuízo, dirixiuse á vítima e pediulle perdón.

Noticias web

22/05/2019