Acepta 4 anos e 7 meses de cárcere por roubo con violencia
Catro anos e sete meses. É a pena que aceptou un home acusado dun roubo con violencia nunha casa de Nigrán.
Os feitos sucederon en xaneiro de 2018, e esa demora no xuízo foi unha das causas que permitiu rebaixar a pena para o acusado.
Inicialmente a fiscalía pedía para el cinco anos e nove meses de cárcere, que despois dun acordo coa defensa quedaron en catro anos, sete meses e un día por roubo con violencia.
O condenado entrou con outra persoa, aínda sen identificar, nunha casa de Nigrán onde estaba o seu propietario. Golpeárono, inmobilizárono e cubríronlle os ollos para pedirlle os cartos e esixirlle que lles dixese onde estaba a caixa forte.
A vítima insistiu en que só tiña 200 euros. Ameazaron a súa familia e mesmo lle preguntaron onde tiña a droga, ao que o home contestou que non tiña droga ningunha e que non estaba metido neses líos.
Un cuarto de hora despois de entrar na vivenda os dous asaltantes encerrrárono no baño, onde lle dixeron que se equivocaran e despois fuxiron da casa.
O dono da vivenda sufriu lesións polas que tivo que ser atendido, pero rexeitou o exame forense e non reclamou ser indemnizado polos 200 euros que lle levaron.
Ademais da pena de cárcere, o condenado terá que pagar unha multa diaria de 5 euros durante tres meses.