CRTVG

Buscar

O ritmo de contaxios acelera: 1.341 novos positivos nun día e xa máis de 8.300 casos activos

Publicado o 16/07/2021 10:10

• O número de casos activos ascende aos 8.319, 1.111 máis ca onte

• A taxa de positividade mantense próxima ao 15 %, o triplo do recomendado

• Soben notablemente as hospitalizacións en planta, ata as 82 (+17)

O ritmo de contaxios acelera: 1.341 novos positivos nun día e xa máis de 8.300 casos activos

A quinta vaga non dá tregua e a súa curva traza cada vez unha liña máis vertical. Segundo os últimos datos do Sergas, hai 8.319 persoas con covid−19, 1.111 máis ca onte, tras 1.342 positivos. Dende o 30 de xaneiro non houbo unha cantidade tan elevada.

Non se rexistraba un incremento dos casos activos tan alto dende os días récord da terceira vaga, a finais de xaneiro: o 23 de xaneiro houbo 1.160 casos máis que o día anterior.

Por áreas sanitarias a repartición é a seguinte:

Vigo: 1.845 (+254)

Ourense: 1.617 (+188)

A Coruña: 1.330 (+139)

Pontevedra: 1.550 (+265)

Santiago: 976 (+159)

Lugo: 700 (+69)

Ferrol: 301 (+37)

Repunta nas hospitalizacións en planta

Aumenta a presión asistencial, rozando os 100 ingresados (96): hai 82 persoas en planta (+17) e 14 nas UCI (=). Dende hai un mes e medio non nos achegabamos ao limiar do cento.

O Sergas non informou de ningún pasamento por mor da covid−19 no día de onte. A cifra de vítimas mantense en 2.441.

Positividade case no 15 %

Das 8.403 probas PCR realizadas deron positivo 1.253; iso representa un 14,91 % do total. É case o triplo do recomendado pola OMS como limiar máximo para dar por controlada a pandemia (5 %).

Mapa de incidencias por concellos