CRTVG

Buscar

Falecen tres mozos nun accidente en Caldas de Reis; o condutor non tiña carné

Publicado o 03/06/2021 10:46

• As vítimas tiñan entre 18 e 24 anos. O seu coche bateu cun camión

• O suceso deixa conmocionados os veciños da comarca

Tres persoas faleceron na localidade pontevedresa de Caldas de Reis nun sinistro que se rexistraba á altura do quilómetro 222 da estrada N640 en dirección a Cuntis, na parroquia de Santo André de Cesar.

Foi pouco antes da medianoite, nunha colisión entre un turismo e un camión por causas que, polo momento, non transcenderon. A Garda Civil de Tráfico instrúe as dilixencias. Morreron os tres ocupantes do turismo, todos maiores de idade. As dúas persoas que ían no camión quedaron feridas. O condutor quedou ferido leve, pero a muller que ía de acompañante está máis grave porque saíu despedida do camión.

O condutor tiña 19 anos e era de Moraña, a copiloto 18 residía en Vilagarcía e o terceiro ocupante, que ía no asento traseiro, 24, era de Caldas, informou a Garda Civil. Fontes do Instituto Armado indicaron que o mozo que conducía o turismo carecía do carné. Todo parece indicar que non parou ante un sinal de stop

A circulación quedou normalizada contra as 3:15 horas, cando se conseguíu retirar da vía o vehículo pesado. 

Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia, dos Bombeiros, da Policía Local de Caldas de Reis e de Protección Civil desa vila e da veciña de Cuntis. 

Noticias web

03/06/2021