Absolto un dos xogadores da Arandina e rebaixa na pena dos outros dous tras considerar os feitos como abuso sexual e non como agresión
O Tribunal Superior de Xustiza de Castela e León absolveu un dos ex-xogadores da Arandina Club de fútbol condenado a 38 anos de cárcere por agresión sexual a unha menor e rebaixou a pena aos outros dous procesados, tamén sentenciados antes a 38 anos, deixándoa en catro anos nun caso e tres anos de prisión no outro.
O Tribunal cualificou os feitos como un delito de abuso sexual, en lugar de agresión sexual, e apreciou como circunstancias atenuantes a proximidade de idade e a proximidade no grao de madurez coa vítima, informaron este mércores fontes do TSXCeL.
A Sala excluíu totalmente de responsabilidade o máis novo dos ex-xogadores procesados, Raúl Calvo, e condenou a Carlos Cadrado, Loito, a catro anos de cárcere e a Víctor Rodríguez, Viti, a tres anos, ademais de establecer o pago dunha indemnización de forma conxunta e solidaria á menor afectada coa suma de 10.000 euros.
A sentenza sinala que a declaración da nova -valorada conxuntamente co resto das probas, testemuñais, periciais e documentais- goza de plena credibilidade en canto aos feitos ocorridos no salón do piso dos tres ex-xogadores o 24 novembro de 2017, pero non en canto á forma en que se produciron.
En concreto, a Sala non considera probada a existencia de intimidación, ao apreciar as contradicións que se poñen de manifesto entre a declaración da menor -dixo que estivo bloqueada polo medo-, e a conduta observada tanto nos momentos anteriores, en que intercambiou mensaxes de contido sexual cun deles e aceptou acompañalo á súa casa ao día seguinte.
A sentenza establece que tampouco casa cos momentos posteriores, en que abandonou o salón para manter voluntariamente unha relación sexual completa cun deles nun cuarto contiguo e despois do ocorrido alardear ante as súas amizades.
Ditas contradicións, segundo a resolución do TSXCeL, mostran fisuras na credibilidade da declaración, que tampouco se ve corroborada polos elementos periféricos á mesma.
Detalla neste sentido que nin as declaracións testemuñais transmitindo o que lles relatou a menor nin as mensaxes telefónicas cruzadas nun primeiro momento permiten afirmar que no salón da casa actuase contra a súa vontade ao estar atenazada polo medo, versión que transmitiu logo aos seus pais e á orientadora que a trataba en Madrid con posterioridade.
Como consecuencia, o TSXCeL suprime do relato de feitos probados a referencia á intimidación, e cualificounos como un delito de abuso sexual a menor de 16 anos, cuxo consentimento carece de transcendencia xurídica a partir da reforma do Código Penal de 2015 que elevou a idade do consentimento de 13 a 16 anos.
En canto á responsabilidade penal dos recorrentes, a sentenza considera que non cabe apreciar que descoñecesen a idade da menor, nin que ignorasen que os actos sexuais cunha menor de 16 anos están castigados pola lei.
Con todo, a Sala valora a proximidade de idade e a proximidade no grao de madurez coa menor, acreditada mediante proba pericial psicolóxica, para absolver a Raúl Calvo, xa absolto pola Audiencia do feito concreto da relación sexual mantida no seu cuarto coa moza inmediatamente despois de ocorridos os feitos axuizados por entender que ambos tiñan idades próximas e un grao de madurez similar.
Tamén atenúa a responsabilidade dos outros dous acusados, ao valorar a relativa proximidade das súas idades coa da vítima e a súa falta de madurez.
A senteza fixa para os dous condenados a prohibición de comunicarse por calquera medio coa vítima e de achegarse a ela, ao seu domicilio, centro de traballo ou educativo e a calquera outro que sexa frecuentado por ela a unha distancia inferior a un quilómetro durante un período de oito anos.
Imponlles ademais liberdade vixiada durante cinco anos e inhabilitación especial para calquera profesión ou oficio, sexa ou non retribuído, que supoña contacto regular e directo con menores de idade por un tempo superior en tres anos ao da duración das penas de privación de liberdade respectivamente impostas.