CRTVG

Buscar

A nai da pequena Desirée será xulgada por asasinato con aleivosía

Publicado o 11/03/2021 14:33

O Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba ditou auto de apertura de xuízo oral contra a muller acusada de matar a súa filla en Muimenta, no municipio de Cospeito, o pasado maio de 2019.

Segundo informa este mércores o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o caso será axuizado por un xurado popular na Audiencia Provincial de Lugo.

A instrutora, que mantén a prisión provisional, comunicada e sen fianza da sospeitosa entende que das dilixencias practicadas despréndese "a existencia de indicios racionais de criminalidade" contra a investigada. 

Considera que os feitos poderían ser tipificados como constitutivos dun delito de asasinato con aleivosía, concorrendo as agravantes de parentesco, pero con atenuante de anomalía ou alteración psíquica.   

A xuíza ditou a apertura de xuízo oral sen a celebración da audiencia preliminar ao renunciar a defensa a ela, tal como se recolle no artigo 30.2 da Lei do xurado.

O asasinato puido estar planeado

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Vilalba sinala no auto que das probas realizadas despréndense indicios de que a sospeitosa urdiu un plan para acabar coa vida da súa filla, de sete anos.   

Durante a madrugada do 2 ao 3 de maio, segundo indica no auto, supostamente asfixiouna coas súas mans. A nena, que durmía na mesma cama que ela, chegou a espertarse e a opor resistencia.   

A acusada, segundo consta na resolución, foi diagnosticada dun trastorno de personalidade de tipo mixto e dun trastorno psicótico, os cales puideron afectar de maneira parcial ás súas capacidades intelectivas e volitivas.