Abren en Lugo as casetas do polbo e as barracas do recinto feiral do San Froilán
As tradicionais casetas do polbo do San Froilán xa abriron as súas portas aos comensais. Fano a véspera do comezo oficial das festas, que terán o seu día grande neste Domingo das Mozas.
Ramiro López, hostaleiro: "Está animándose. Temos moitas reservas xa para a fin de semana. Agora ao mediodía está así, suaviño, pero xa para a noite está bastante ben e para a fin de semana está máis ou menos completo, xa".
Aurora Baranda, polbeira: "Xa está en marcha. Xa empezou, xa está engrenando e aí o vai. A ver como sae, claro. Iso témolo que dicir de hoxe nun mes, como vai a cousa. Esperemos que ben".
Ata estas casetas veñen comer o polbo dende todos os recunchos do país e mesmo do estranxeiro. Tanto acoden familias enteiras como compañeiros de traballo ou grupos de amigos.
"Somos da Asociación de Amas de Casa de Lugo e hoxe inauguramos o curso cunha misa na catedral seguida da polbada. Isto é tradición dende hai cincuenta e tantos anos que existe a asociación".
Nacho Carballeira, hostaleiro: "Pola semana, moita empresa, e a fin de semana as familias, cuadrillas de amigos e xente que se reúne unha vez ao ano e utiliza este lugar como un punto de encontro moi confortable".
No recinto feiral do San Froilán tamén comezaron a funcionar as barracas, con atraccións para todos os públicos.