CRTVG

Buscar

Abren dúas novas casas do maior, en Castrelo de Miño

Publicado o 25/06/2019 19:50

Dúas novas casas do maior acaban de abrir en Castrelo de Miño. Van destinadas a maiores de 60 anos en situación de dependencia, de xeito que poidan recibir atención sen afastarse dos seus fogares.

Carlos Ferreiro é o primeiro usuario desta casa do maior que acaba de poñerse a andar en Castrelo de Miño. Ten a súa vivenda a uns cinco quilómetros, pero agora pasa o día aquí, xantar incluído: "Eu síntome aquí coma se fose a miña casa. Eu son de Macendo, teño unha casa moi grande, con dez mil metros de terreo arredor, pero estou eu só".

Aquí non está só. Hoxe viñeron merendar os da casa do maior de Punxín.

E sempre hai algún veciño da zona que vén de visita, matar o tempo: "Eu agora xa boto o día aquí. Teño a casa ben cerca pero boto o día aquí". "E digo, carai, desde que vén esta xente pois hai moito ambiente".

En Castrelo de Miño, con algo menos de 1.400 habitantes, hai dúas casas do maior, atendidas por profesionais de axuda á dependencia.

"Como centros de día pero pequeniños. Están pensados para que a xente quede na súa contorna, que non teña que saír da súa casa habitual, que a teña cerca e que non se sinta estraña noutro lugar", explica Marta Gozález Pérez, a encargada desta casa de Castrelo.

A iniciativa, inspirada nas casas niño e promovida pola consellería de Política Social, botou a andar este ano con trinta casas repartidas polas catro provincias. Van dirixidas a maiores de sesenta anos en situación de dependencia.

Noticias web

25/06/2019