Abre o prazo para que as familias soliciten a Tarxeta Benvida 2020
Hoxe abre o prazo para solicitar a Tarxeta Benvida, unha axuda que da a Xunta ás familias que acaban de ter un fillo.
Esta axuda que comezou no ano 2016 arranca neste 2020 con novidades, entre elas aumenta as contías para as familias numerosas, as familias do rural e tamén para aquelas familias que estean en situación de especial vulnerabilidade. Tamén hai cambios no que ten que ver coas solicitudes dos galegos que viven no exterior e que retornan a Galicia.
A conselleira de Política Social, Fabiola García, explica cales son as novidades que se introducen na nova Tarxeta Benvida. Novidades e requisitos que xa están publicados na paxina web de Política Social da Xunta de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dita a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día do nacemento ou do día no que se ditou a resolución de adopción ou de garda con fins adoptivos.
En caso de que a persoa solicitante sexa emigrante retornada a Galicia en 2019 e sempre que o fillo ou filla nacese con anterioridade ao seu regreso, este prazo de dous meses contarase a partir do día seguinte a aquel que conste na documentación que acredite de maneira fidedigna data de retorno a España. Así mesmo, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal da data que figure en devandita documentación acreditativa.