CRTVG

Buscar

Abre o ocio nocturno en gran parte de España

Publicado o 21/06/2021 09:12

Foron os primeiros en pechar pola covid−19 e son os últimos en abrir. O ocio nocturno volveu esta mesma noite a localidades como Barcelona. Cataluña permite aos bares e discotecas ter actividade ata as tres e media da madrugada, un dos horarios máis amplos desta reapertura en España. Volveron as pistas de baile, á metade da capacidade, con máscaras, mantendo grupos pequenos e mais as distancias. O sector recupera certo optimismo. En Madrid, tras quince meses pechado, o ocio nocturno calcula perdas de 2.000 millós de euros e nove mil empregos menos. Este luns volveu á actividade, ata as tres.

Outas comunidades xa ampliaran os seus horarios durante a fin de semana, ou incluso antes. En Aragón abren bares e discotecas ata as tres xa dende venres; nas Canarias, ata as dúas; nas Baleares e en Euskadi, dende sábado ata as dúas. En Cantabria non se fixou tope horario ningún, así que, na práctica os locais poderán abrir segundo a súa licenza. Pero Galicia terá que agardar ata o un de xullo. Aquí si que houbo esta fin de semana seis verbenas, como probas piloto. En cada unha, limitouse a capacidade a mil persoas, e había que acudir con reserva. 

Foron dúas horas con medidas estrictas. A pista de baile dividiuse en cuadrículas, con seis persoas como máximo en cada unha delas, e non se podía nin comer, nin beber nin fumar. A pesar das limitacións, os asistentes gozaron dunha experiencia que levaba máis dun ano sen permitirse. O sector agarda pasos adiante pero recoñece que a volta non será fácil. Con todo, confían en que aínda que este non vai ser un verán coma os de antes da pandemia, si se achegue un pouo máis á vella normalidade.

Noticias web

21/06/2021