CRTVG

Buscar

Máis de 1.500 persoas volven mariscar en Muros-Noia ao baixar os niveis de toxina

Publicado o 28/09/2021 13:40

Bo ambiente esta mañá no porto de Testal, en Noia. Levaban máis dunha semana agardando a apertura da campaña para mariscar e por fin os niveis de toxina baixaron. As primeiras en saír foron as embarcacións, e botaron o primeiro raño á auga ás once. A pé tiveron que esperar que baixara algo a marea e puxeron o primeiro pé na praia hai un anaco, á unha.

O porto deo Testal parecía un formigueiro. Moito ambiente e bo humor para a apertura da campaña, que oficialmente a confraría abriu o día 20, pero na práctica non se puido traballar por mor da presenza de toxina na ría. As análises feitas polo Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño en Galicia nos últimos días amosan un lixeiro descenso na presenza de marea vermella na maior parte das concesións.

Santiago Cruz, patrón maior da Confraría de Noia: "A xente vai moi contenta para o mar porque estaba esperando coma auga de maio ir mariscar e facer uns cartos, xa que lles custa moito equipar os barcos e comprar os equipos para as persoas. A toxina nos últimos anos, non sei se é o cambio climático o que a provoca, pero sempre aparece ao comezo da campaña e atranca un pouco o traballo, pero hai que collelo como vén, que son cousas da natureza".

Os areais víronse afectados pola abundante choiva do pasado inverno. Esta circunstancia fixo diminuír as perspectivas da confraría, sobre todo da ameixa xapónica e tamén na babosa. Os topes de berberecho márcanse en 15 quilos para os que traballan nas embarcacións e 10 para os que van a pé. A ameixa fina, babosa e xapónica teñen fixados cotas de tres quilos para as tres variedades.

Santiago Cruz, patrón maior da Confraría de Noia: "A campaña pasada foi de doce millóns de euros, se non houbese toxina nin riadas podería ser de quince ou dezaseis, pero foi de doce. Este ano depende deses factores que non haxa moita toxina que non haxa riadas, porque hai demanda do berberecho e da ameixa e penso que vai ser semellante á do ano pasado.

Ata o bo tempo acompañou, agora só falta ver os prezos que acadan o bivalvos na poxa. A apertura da ría supón a volta ao traballo de máis de 1.500 persoas pertencentes ás confrarías de Noia, Muros, Porto do Son e Portosín.

Noticias web

28/09/2021