CRTVG

Buscar

Comeza a campaña de vacinación máis masiva: 240.000 doses nesta semana

Publicado o 04/05/2021 14:54

• 14 centros en todas as áreas sanitarias administrarán as vacinas

• Os galegos coa pauta completa superan os 390.000

Hoxe comezou un novo proceso de vacinación masiva en Galicia. Administraranse ata o domingo 240.000 doses por toda Galicia. Hai catorce puntos de vacinación traballando para conseguir ese reto de administrar case un cuarto de millón de soros.

Non é o primeiro proceso de vacinación masiva contra a covid que se fai en Galicia, pero si que é o máis multitudinario dos realizados ata agora. 

Redóbranse os esforzos, por exemplo, en Santiago: na Cidade da Cultura hoxe superarán en dúas mil persoas o seu récord de citas diarias. "O máximo que tiñamos citado eran 5.500 persoas, e hoxe temos 7.300", di Paula Boga, supervisora de Medicina Preventiva no CHUS. "Están chegando máis doses, así que se está citando moito máis e estamos ampliando postos de vacinación", engade.

Tamén duplicaron postos no Ifevi. Na área sanitaria de Vigo está previsto poñer esta semana 50.000 vacinas.

Ademais do incremento de doses, a novidade é que esta semana se incorporan á vacinación as persoas de entre 66 e 69 anos. A previsión é que comecen a vacinarse o xoves, con 90.000 doses reservadas para eles.

Os galegos coa pauta completa da vacina fronte ao coronavirus superan xa os 390.000, tras administrarse un 82 por cento das doses recibidas.