Abraham Cupeiro trae a Santiago o mundo pretérito a través dos seus singulares instrumentos musicais
Así soa o continente americano da man de Abraham Cupeiro, o compositor sarriao que evoca a historia do mundo e das súas músicas mediante instrumentos tan antigos como a propia humanidade.
"Intento buscar algo moi sinceiro. As cousas antergas deixaronse de empregar durante moito tempo e quedaron aí, repousaron aí, pero como músico do século XXI achégome a elas coa miña idea. E entón aí conflúen diferentes opticas que dan como resultado algo novidoso pero baseado no pasado", asegura.
A paixón pola música de tempos pretéritos reflíctese neste músico polo gusto de antigas trompas irlandesas, trompetas celtas ou frautas indíxenas, que el mesmo recrea no seu obradoiro. "Este instrumento -comenta o músico amosando un hulusi chinés- é o tatatataravó do acordeón. É un órgano portativo que elaboraron os chineses hai tres mil anos empregando unhas lenguetas que os europeos utilizaríamos no dazanove. A verdade é que son instrumentos moi sinxelos, pero que teñen un son moi evocador. Imos tocar o hulusi chinés, a fula africana, a gaida búlgara, a zurna árabe...."
Hoxe interpretaba no Auditorio de Galicia en Compostela, xunto coa Banda Municipal de Santiago, o seu proxecto Panxea: unha viaxe multiétnica polo mundo a través da música.
"Non intento provocar nada máis que o goce da persoa que escoita pero si que é a posibilidade de achegarnos a outras culturas e xuntarnos aínda máis, porque a música ten esa capacidade, ese cemento que fai que o ser humano poida entenderse co do lado, nuns tempos tan convulsos que nos tocou vivir", conclúe Abraham.
Este percorrido musical multiétnico e intrahistórico xa tomou forma de disco en Londres, gravado coa Royal Phylarmonic Orchestra. Traballa xa en novos proxectos cun único límite: o da imaxinación.